Píntega (Salamandra salamandra)
- Dominic López Saldaña
- 23 may
- 2 min de lectura

Características Físicas
A píntega común é un anfibio pertencente á orde dos urodelos. Adoita medir ó redor de 15 centímetros e caracterízase polo seu corpo groso, a súa pel negra porosa con pintas amarelas e os seus grandes ollos escuros.
Hábitat e Comportamento
Ó tratarse dun anfibio, a píntega precisa unha humidade axeitada para poder vivir. Este é o motivo polo que elixe habitar zonas boscosas próximas a lagoas e regatos. Cando o tempo é cálido e solleiro normalmente permanece agochada baixo pedras ou na vexetación mesta. Presenta maior actividade pola noite, nas horas máis frías e humidas, inda que tamén podemos atopala en días chuviosos ou bretemosos.
Reprodución
A femia escolle depósitos de auga limpa e ben osixenada para parir ás súas crías. Trátase dun animal ovovivíparo, o quere dicir que pare larvas xa formadas no canto de depositar ovos.
Defensa e Venenos
Ademais, esta especie segrega unha substancia tóxica que cubre o seu corpo: a pezoña. A coloración do animal advirte sobre o seu veleno, fenómeno coñecido coma aposematismo. A penzoña axuda á píntega a defenderse de posíbeis predadores, os cales rexeitan comela a causa do desagradábel sabor que produce a pezoña. Porén, a tradición popular esaxera a peligrosidade deste veleno, o cal non adoita provocar máis que irritación.
Exemplar Atopado
Este exemplar de aproximadamente 16 centímetros foi atopado á mañá nunha horta. Agochábase entre a terra, probablemente na procura de alimento.
Alimentación
As píntegas son carnívoras, aliméntanse de caracois, lesmas, arañas e outros insectos. Non son cazadores veloces, polo que animais rápidos escapan do seu menú.
Depredadores
Entre ós seus depredadores temos ás serpes, a algunhas aves acuáticas e a mustélidos coma a lontra.
Rol no Ecosistema
A labor da píntega no noso ecosistema é crucial. Regula a poboación de diversas especies como os caracois, os cales poden aumentar en execeso o seu número grazas ó alimento que lles proporcionan hortas e outros cultivos humáns.
Estado de Conservación
Salvando algúns recunchos concretos de Galiza, a poboación de píntegas atópase nun bo estado de consevación.
Amenazas e Perigos
Con todo, a deforestación do bosque autóctono, os incedios forestais, o uso de pesticidas na agricultura, a contaminación das augas e, en xeral, a presión demográfica no rural golpean a estabilidade da especie. É tristemente común observar nas estradas exemplares que foron esmagados por un coche mentres traban de cruzar.



Comentarios